O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, mantivo este mércores un encontro co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ao que lle solicitou axuda para acometer diversas obras na vila. Entre elas, a construción dunha rotonda na Puída, onde está o cemiterio e a subida ao Monte Castelo.
Así o expuxo o goberno municipal a través dun comunicado de prensa. “Alí na propia estrada da Deputación, onde está o acceso ao Monte Castelo, sería conveniente contar cunha rotonda, xa que favorecería moito a condución e a seguridade. Esa glorieta xa vén sendo solicitada por moitos veciños e veciñas de Burela. Ademais derivado da actividade que haberá a partires de agora nas minas de caolín tamén sería positivo, debido ao incremento do tráfico que se vai producir nesa zona”, argumenta.
MARQUESIÑAS
“Tamén para mellorar a seguridade nesa estrada pedín foi a instalación duns quitamedos nunha zona duns 50 metros onde se procedeu á corta de árbores e todo aquilo quedou moi despexado. É preciso mellorar a seguridade para evitar que si se produce un accidente puidera caer algún coche á N-642”, salienta.
Ademais, o alcalde burelao tamén lle pediu ao presidente da Deputación, segundo indica a nota, “a sinalización do Monte Castelo como área recreativa. Habería que colocar un cartel vistoso e interesante que dea lugar xa a pensar que alí hai algo bonito para visitar”.
Llano engade que “tamén solicitamos a instalación dunhas marquesiñas que se van colocar na estrada da Deputación, entre Burela e o cemiterio, para que a xente que vai camiñando si nalgún momento ten que abrigarse porque chove ou precisa descansar que conte cun lugar”, remarcou.
PECHE DO CAMPO DE FÚTBOL
Outra das peticións do Concello ao goberno provincial é unha partida económica para acometer oarranxo do perímetro do campo de fútbol. “Queremos facer un novo peche, que substitúa ao actual porque está completamente oxidado. Nós non tiñamos presuposto para poder afrontar esta obra na súa totalidade. Desde o Concello afrontarémola parcialmente e pedinlle (a Tomé) que o resto corra a cargo da Deputación”, expón Llano.